A Consellería de Traballo e Benestar concedeu máis de 164.000 euros en axudas para impulsar a responsabilidade social empresarial entre as pequenas e medianas empresas (Pemes) galegas. En total, tramitáronse un total de 91 expedientes ao abeiro desta orde.
Estas subvencións están dirixidas a impulsar actuacións de fomento, difusión e sensibilización no ámbito da responsabilidade social empresarial e á incorporación de plans e medidas de responsabilidade social da empresa que promovan a estabilidade no emprego e a reinserción laboral.
En concreto, a primeira liña de axudas -na que se instruíron 51 expedientes- desta orde está destinada a difusión e sensibilización da responsabilidade social da empresa, tanto de xeito interno como externo.
Así, subvencionáronse actividades como edicións de boletíns ou material publicitario, organización de talleres, cursos ou seminarios, e a asistencia do persoal aos cursos.
En total, o importe das axudas neste programa foi de ao redor de 120.600 euros.
Recolocación laboral > Por outra banda, a Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 40.000 euros en axudas consistentes en sufragar os custos derivados de actividades que incorporen plans e medidas de responsabilidade da empresa, que promovan a estabilidade no traballo e a reinserción laboral. Neste programa instruíronse un total de 35 expedientes.
Así, nesta segunda liña subvencionáronse a elaboración de plans de readaptación e recolocación profesional do cadro de persoal ou a implantación de medidas para facilitar a readaptación do persoal ás necesidades da empresa e favorecer así a estabilidade laboral.
Igualdade > Ademais, a consellería porá en marcha, en xaneiro de 2010, a Marca Galega de Excelencia en Igualdade, que se concederá a aquelas empresas que cumpran as garantías efectivas de igualdade entre homes e mulleres.
Esta iniciativa inscríbese no impulso que o departamento autonómico está a dar á promoción da igualdade laboral entre os homes e as mulleres.
O Estatuto dos Traballadores establece que o empresario está obrigado a pagar pola prestación dun traballo de igual valor a mesma retribución, sen que poida producirse discriminación ningunha por razón de sexo. Ademais, a Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia regula a elaboración dos plans de igualdade nas empresas, sinalando que as administracións públicas haberán de apoiar economicamente a implantación de ditos plans.
Implantar planos > Neste sentido, a Dirección Xeral de Relacións Laborais do departamento autonómico concedeu axudas por un importe de ao redor de 700.000 euros, que beneficiaron a 106 empresas, co fin de fomentar a implantación de planos de igualdade.
Este financiamento subvenciona distintas actividades, como a realización de estudos, análises da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero, nos que se analizan, entre outros, a avaliación dos postos de traballo, categorías profesionais, xornadas laborais ou estrutura salarial.
Esta axudas tamén se destinan a cursos de formación en materia de igualdade ou para a contratación, durante a vixencia do plan de igualdade, de persoal con experiencia ou coñecemento neste eido, co obxecto de asesorar á empresas.
Conciliación > Ademais destas axudas, esta mesma Dirección concedeu subvencións para levar a cabo investimentos para garantir a conciliación da vida laboral e familiar, por importe de 188.050 euros.
Ao abeiro desta orde, instruíronse un total de 10 expedientes, correspondentes ás solicitudes presentadas. Este financiamento destínase a construción de instalacións axeitadas para traballadoras embarazadas, salas de lactación e repouso ou servizo de comedor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario